Novas

Beatriz Dourado gaña o Premio Arume de Poesía para a Infancia coa obra «Latexos»

A entrega terá lugar o 13 de decembro ás 19.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela

O Premio Arume de poesía para a infancia é o único do seu tipo que existe no sistema literario galego. 

Trátase dunha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GALIX, con Embora como empresa editora dos libros premiados

Presentarase o libro Versos (a)variados, de Pablo Nogueira, gañador da edición anterior

Compartir

 

O poemario Latexos, de Beatriz Dourado, resultou gañador do Premio Arume de Poesía para a Infancia que organizan conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación do libro infantil e xuvenil GALIX. En opinión do xurado, o poemario destaca polo intelixente e suxestivo uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo. 

Na traxectoria literaria de Beatrizo Dourado cabe salientar o Premio Florencio Delgado Gurriarán de 2023 polo poemario Ancorar toda esta auga, así como tamén outros certames de poesía, como o María Marió ou o Avelino Díaz. É autora, ademais, do libro de poesía IntraGUERRAS. Ten tamén publicados relatos curtos en obras colectivas tales como Viaductos (2017) ou Historias no camiño (2021).

No tocante a Versos (a)variados, de Pablo Nogueira, editado por Embora e que se presentará tamén este venres día 13, constitúe uha proposta na que cómpre salientar a creatividade no uso e dominio do rexistro musical, o emprego de múltiples recursos lingüísticos e literarios, que, tal que se dun xogo se tratara, inclúe onomatopeias, caligramas, trabalinguas, palíndromos ou anáforas, como tamén dun variado acompañamento gráfico e icónico. 

Pablo Nogueira Campo viña destacando ata o de agora pola súa faceta como narrador. En 2019 gañou, con Banda Sonora Orixinal (Edicións Fervenza), o premio Balbino, galardón no que colabora a Fundación Xosé Neira Vilas. Mais a súa traxectoria veuse desenvolvendo coa consecución doutras distincións. A súa obra Ringo. Memorias dun coello fedello foi distinguida no 2022 co Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.

O nome de Beatriz Dourdo únese deste xeito aos galardoados nas tres edicións anteriores, que foron, ademais do citado Versos (a)variados, Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López en 2021 e Os versos da mariola, de Antón Cortizas en 2022.