Novas

O Ateneo de Santiago súmase á homenaxe a Euloxio R. Ruibal

Compartir

 

A Xunta Directiva do Ateneo de Santiago, interpretando o sentir unánime dos nosos socios, súmase a esta XXX edición da Homenaxe “O escritor na súa terra – Letra E”, coa que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñece os méritos de Euloxio R. Ruibal, un dos creadores fundamentais na cultura deste país, e para elo reivindica entre os méritos de tan querido compañeiro e amigo o da súa condición de ateneísta.

Cando a comezos de 2008 un grupo de cidadáns de Compostela nos propuxemos refundar o Ateneo de Santiago, continuando os esforzos que outros compañeiros intentaran nos anos oitenta do pasado século, Euloxio formou parte moi activa daquel núcleo fundador e dende entón veu participando moi eficazmente nas nosas actividades, especialmente como membro constante, entusiasta e moi activo da sección de Arte, Educación e Cultura, con suxestivas e valiosas propostas de conferencias, mesas redondas, debates, recitais, presentacións de libros…, intervindo e protagonizando ocasionalmente, co seu proverbial rigor, constancia, entusiasmo e acerto, algunhas desas actividades: a máis recente, a súa decisiva participación nos preparativos do volume poético colectivo que publicamos o pasado ano como Homenaxe ao noso primeiro Presidente Salvador García-Bodaño.

Deixamos que outras voces glosen aquí as cualidades artísticas, sociais e humanas de Euloxio: para nós, o Ateneo de Santiago, é unha honra e un privilexio saber que seguimos contando coa constante presenza, sabia palabra e prudente colaboración deste fiel compañeiro ateneísta.

Xunta Directiva do Ateneo de Santiago