Novas
O Ateneo de Santiago e a Real Academia Galega de Ciencias asinan un convenio de colaboración

- Compartir
Os Presidentes do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla Lamas, e a Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, veñen de asinar un convenio de colaboración de cara a propiciar un maior achegamento entre ambas as entidades e a sociedade que as sustenta.
As dúas entidades, co obxectivo común de promocionar actividades entre a cidadanía compostelá, selan coa sinatura deste acordo, producida este mércores, unha serie de compromisos colaborativos.
Por unha banda, ambas as partes tratarán de impulsar a organización conxunta de actividades de distintos tipos e formatos nos eidos cultural, científico ou educativo, así como a edición de publicacións e informacións que propicien a divulgación do saber e o coñecemento entre a cidadanía compostelá.
Ademais, todas as actividades promovidas tanto polo Ateneo como pola Real Academia Galega de Ciencias serán divulgadas a través das súas canles de comunicación internas.
Por último, o Ateneo de Santiago comprométese a incluír «conferencias de interese propostas pola RAGC, nomeadamente aquelas relacionadas coa figura da/do Científica Galega do ano».