Novas
O que os santiagueses xa coñecemos da Bienal de Venecia 2025

- Compartir
A Bienal de Venecia, nome co que se coñece popularmente á Exposición Internacional de Arte de Venecia, é unha das citas artísticas máis importantes a nivel internacional. Comezou a súa andadura na última década do século XIX e moi pronto se convertiu nun prestixioso certame internacional de arte contemporánea no que cada un dos países ten o seu propio pabellón.
España participa dende a súa creación en 1895 e dispuxo de pabellón propio dende 1922. Entre a centena longa de artistas convidados cóntanse: Tapies, Canogar, Millares, Saura, Feito, Cuixart, Mampaso, Susana Solano, Santiago Sierra Barceló, Dora García e Lara Almárcegui, entre outros moitos. Así mesmo, tamén contribuíu coa participación de dúas comisarias na edición de 2005, María de Corral e Rosa Martínez de Corral, que foron, ademais, as primeiras mulleres en exercer esa responsabilidade.
A actual mostra celebrarase en 2025, sempre en anos impares, e esta vez a súa temática está relacionada con “estranxeiros por todas partes”, é dicir, centrarase en artistas que son "estranxeiros, inmigrantes, expatriados, diaspóricos, emigrados, exiliados e refuxiados, especialmente aqueles que se desprazaron entre o Sur e o Norte".
O proxecto español gañador, por unanimidade, para esta convocatoria foi o da hispanoperuana SANDRA GAMARRA co título “Pinacoteca migrante”, que expón narrativas historicamente silenciadas e propón unha institucionalidade máis accesible, diversa e sustentable, como reza a resolución do Ministerio de Exteriores.
A proposta reunirá unha centena de cadros que parten de pinturas de coleccións patrimoniais españolas da época do Imperio ata a Ilustración, así como unha instalación pictórica composta por doce monumentos cunha carga simbólica na historia das excolonias, todo isto visto dende a contemporaneidade e os ollos dunha mestiza.
É interesante resaltar que os santiagueses puidemos coñecer a ampla obra de SANDRA GAMARRA nunha importante exposición celebrada no CGAC entre marzo e maio de 2022. Tiña esta exposición como título “Buen Gobierno”, título dun Memorial descuberto no século XX, cuxa autoría é dun amerindio, Felipe Guzmán Puma de Ayala, e está dirixido ao Rei Filipe III en 161. Neste Memorial expón a realidade da colonización andina e roga que se realicen as reformas necesarias para un bo goberno que impida a desaparición da poboación indíxena e da súa cultura.
Con este motivo o Ateneo de Santiago tamén intentou contribuír ao seu coñecemento cun podcast sobre a exposición, publicado en Radio Ateneo (20/4/2022), no que se resume e intenta explicar a arte e a concepción da artista sobre a realidade colonial, neste caso de Perú, con base no barroco español do momento, mesturado co gusto e arte indíxena, así como coa cristianización achegada, sobrepoñéndose aos mitos e á explotación das riquezas naturais. Tamén, a reelaboración de pinturas españolas moi coñecidas, como “La conquista de América”, fronte ao seu espello creado pola artista, “El descubrimiento de Europa”, ou o tratamento descontextualizado de obxectos da cultura inca nos nosos museos etnográficos actuais.
Así pois, en Santiago, puidemos ter un avance do que será a achega española á próxima Bienal de Venecia.
Mª del C. Sánchez Carrera
Podcast Buen Gobierno (Los museos de Santiago de Compostela, 20/4/2022)
Exposición Buen Gobierno. Sandra Gamarra Heshiki (CGAC, marzo-maio 2022)