Novas

«Onde está Luísa?» do IES Pintor Colmeiro de Silleda gaña o Premio Ateneo Cineduca neste ano 2024

Os accésits foron para as curtametraxes «Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista» do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela e «O pasar do tempo» do CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra) 

Compartir

 

O pasado martes, 5 de marzo, o Xurado do Premio Ateneo Cineduca decidiu por unanimidade outorgar o primeiro premio desta terceira edición ao IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda pola obra cinematográfica «Onde está Luísa? (A voz poética de Luísa Villalta)», unha ficción utópica inspirada no filme Ocean’s eleven, que enaltece a figura e obra de Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2024. 

O Xurado tamén decidiu conceder dous accésits ás curtametraxes «Xogamos a estar vivas? Xelminovas Republicano Feminista», do compostelán IES Arcebispo Xelmírez I, e «O pasar do tempo» do CEIP Plurilingüe de Tenorio, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). A obra do centro santiagués céntrase na lembranza e rescate das mulleres esquecidas na II República, mentres que «O pasar do tempo» é un documental etnográfico que pon en valor a vida da Galicia rural e a transmisión das tradicións.

Por outra banda, o Xurado destaca con mencións especiais os traballos presentados polos IES Félix Muriel de Rianxo e Urbano Lugrís de Malpica. «Marderedes», obra do centro do Barbanza, pon en valor a economía circular por medio da artesanía creada con recursos da contorna, mentres que «O Prestige 20 anos despois», do de Malpica, recupera a memoria do desastre ambiental do petroleiro, a cal os alumnos autores da peza non viviron en primeira persoa.

O Xurado encargado de outorgar os galardóns, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo formado por Fernando Redondo, Profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; José Manuel González Herrán, representante da Sección Arte, Educación e Cultura do Ateneo de Santiago; Miguel Zabalza e Xosé Armas, profesores do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC; Carlos Encisa, Director do IES Antón Fraguas; María del Carmen Montero, Directora do CEIP López Ferreiro; Antón Porteiro, Directivo do Ateneo de Santiago; e Daniel Maciel, membro da Associação AO NORTE de Viana do Castelo (Portugal).

No acto de clausura da III Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), que terá lugar o martes, 19 de marzo, ás 19h na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, exhibiranse as tres obras galardoadas co primeiro posto e os accésits e farase entrega dos Premios.