Novas

O Ateneo de Santiago presenta a terceira edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA)

Dez traballos audiovisuais de centros educativos de toda Galicia optan ao Premio Ateneo Cineduca nesta terceira convocatoria

Compartir

 

O Ateneo de Santiago presentou este mércores a terceira edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), centrada este ano na figura dos profesores e profesoras, elemento central do proceso educativo e compoñente habitual dos filmes que tratan de cuestións educativas. 

As actividades incluídas nesta terceira edición da Mostra desenvolveranse do 4 ao 19 de marzo, comprendendo seis proxeccións, que tratan a profesión docente en diferentes condicións, como son «Profesor Lazhar» de Philippe Falardeau (martes 5), «O taller de escritura» de Laurent Cantet (mércores 6), «A profesora de parvulario» de Sara Colangelo (xoves 7), «O Profesor (Detachment)» de Tony Kaye (martes 12), «Blue Jean» de Georgia Oakley (mércores 13) e «Lunana, un yak na aula» de Pawo Choyning Dorji (venres 15). Todas estas películas, de acceso libre, emitiranse ás 19h na sede Afundación, na Rúa do Vilar, 19.

Ademais, nesa mesma sala da Rúa do Vilar tamén se levarán a cabo, ás 19.30h, unha homenaxe á pedagoga Antía Cal pola transcendencia do seu labor na renovación pedagóxica de Galicia (luns 4), unha conferencia de António Nóvoa, Ex-Reitor da Universidade de Lisboa (luns 11) e a mesa redonda «Profesores de antes e de agora», coordinada por Xosé Armas, Director do Departamento de Didácticas aplicadas da USC (luns 18).

A Mostra clausurarase o martes, 19 de marzo, ás 19h coa proxección no Teatro Principal de Santiago dos traballos seleccionados no III PREMIO ATENEO CINEDUCA, o cal premiará obras audiovisuais realizadas nos centros educativos non universitarios de toda a xeografía galega. Nesta convocatoria recibíronse un total de 10 traballos procedentes de distintos centros de ensino como os CEIP de Laredo (Redondela) e de Tenorio (Cerdedo-Cotobade), o CPI Virxe da Saleta de Cea (Ourense) ou os IES Ramón Cabanillas de Cambados, Urbano Lugrís de Malpica, Félix Muriel de Rianxo, Xelmírez I de Santiago de Compostela e Pintor Colmeiro de Silleda.