Novas

O xornalista Pedro Rodríguez Villar gaña o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023 por unha reportaxe sobre as adiccións

O Xurado decidiu outorgar un accésit á xornalista Tamara Montero Barreiro por unha reportaxe sobre o psiquiátrico de Conxo

Compartir

 

O Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023, organizado polo Ateneo de Santiago, decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición ao xornalista Pedro Rodríguez Villar polo traballo titulado «Crecen las adicciones», unha combinación de reportaxe e entrevistas publicada en La Voz de Galicia o 30 de xullo de 2023.

O Xurado argumenta a súa decisión por ser unha temática que supón unha fonda investigación, respondendo a unha alarma social, así como por conter unha información contrastada mediante datos oficiais e unha redacción coidada.

Reportaxe «Crecen las adicciones»

Do mesmo xeito, o Xurado decidiu adxudicar un accésit á xornalista Tamara Montero Barreiro polo traballo «Me trajeron engañada para el manicomio: el Arquivo de Galicia recupera las voces olvidadas de las internas del hospital de Conxo», publicado en La Voz de Galicia o 9 de marzo de 2023, pola actualidade do tema tratado, dándolle visibilidade á saúde mental, así como pola brillantez periodística de como se presenta.

Reportaxe «Me trajeron engañada para el manicomio»

O Xurado, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Ex-Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Nuria López Presedo, galardoada na última edición deste premio.

A entrega do Premio, dotado con 1.000€ e unha peza conmemorativa, e o accésit, consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público no local social do Ateneo de Santiago o vindeiro día 30 de novembro.