Novas

Mostra fotobiográfica e bibliográfica «Francisco Fernández del Riego, 1913-2010. Letras Galegas 2023»

A exposición poderá visitarse en Vigo ata o 17 de decembro de 2023

Compartir

 

Inaugurada o pasado 16 de febreiro, esta exposición está instalada no vestíbulo da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa 2, Vigo), onde poderá visitarse ata o 17 de decembro en horario de luns a venres, de 9h a 14h. Ademais, ata o 21 de maio tamén estará aberta no seguinte horario:
          De luns a venres, de 18h a 21h.
          Sábados, de 12h a 14h e de 18h a 21h.
          Domingos e festivos, de 12h a 14h.

Organizada pola Fundación Penzol co gallo da dedicatoria pola Real Academia Galega do Día das Letras Galegas a quen foi o seu presidente entre 1997 e 2001, trátase dunha mostra fotobiográfica dividida en tres períodos: 1913-1939; 1940-1974 e 1975-2010, impresa sobre paneis que percorren sinteticamente a traxectoria dunha personalidade de máxima relevancia na cultura galega contemporánea.

Complétase a instalación cunha mostra bibliográfica que recolle unha selección das súas obras máis significativas así como doutras de diferentes autorías que tratan sobre a súa figura.

O conxunto pretende ser unha introdución á súa obra e ás súas intensas e extensas actividades a prol de Galicia e da súa cultura. Tamén unha invitación a coñecer a Casa Galega da Cultura, que acolle a súa biblioteca, arquivo e museo —doazón que realizou “ao pobo de Vigo” en 1995—, así como a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, que Del Riego dirixiu dende a súa creación en 1963 ata pouco antes do seu falecemento en 2010.

A mostra, realizouse a partir dun guión de Xosé M. Soutullo, director da Fundación Penzol, coa colaboración de Marián Vidal, directora técnica da Casa Galega da Cultura. A produción e o deseño correron por conta da Editorial Galaxia.