Novas
LA CHICA DE LA VENTANA DO CENTRO ESCOLAPIOS DE MONFORTE GAÑA O II PREMIO ATENEO CINEDUCA
O accésit foi para a curtametraxe «Spiderman e eu» do CEIP Eusebio da Garda da Coruña e as mencións honoríficas para os IES Pintor Colmeiro de Silleda e Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela
- Compartir
Este martes, día 28 de marzo, o Ateneo de Santiago clausurou a II Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA) coa entrega de premios ás curtametraxes presentadas polos centros educativos.
Así, o Premio Ateneo Cineduca 2023 recaeu no Centro Escolapios de Monforte de Lemos pola obra «La Chica de la Ventana», que trata a temática do racismo, «un tema moi de actualidade, moi potente, que conecta cunha sensibilidade moi dos nosos días, dun xeito sobrio á vez que elegante, con elementos cinematográficos que fan que o tema finalmente chegue moito mellor ao espectador e consiga impactalo e conmovelo», como salienta Fernando Redondo, Profesor de Comunicación audiovisual da USC. O galardón, entregado por Manuel López-Rivadulla, Presidente do Ateneo, e Judith Fernández Novoa, Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, consta de mil euros, diploma acreditativo e peza conmemorativa.
En segundo lugar, o Ateneo de Santiago outorgou un accésit ao CEIP Eusebio da Garda da Coruña pola curtametraxe «Spiderman e eu», unha produción que, como indicou María del Carmen Montero, Directora do CEIP López Ferreiro, «aproveita a linguaxe cinematográfica e os seus códigos para amosar outro sistema de comunicación á que non somos alleos nos centros educativos», como é o autismo. Dotado de cincocentos euros, diploma acreditativo e peza conmemorativa, os encargados de entregalo foron o Vicepresidente do Ateneo Francisco Candela e o Concelleiro de Educación de Santiago Rubén Prol.
O responsable de inaugurar o acto foi o propio Vicepresidente do Ateneo, quen aproveitou para agradecer a participación dos centros e do xurado pola súa ardua labor. Seguidamente, proxectáronse as catro curtametraxes seleccionadas de entre os catorce traballos presentados polos diferentes centros educativos galegos para rematar coa entrega dos premios aos gañadores.
Ademais dos dous premios principais, tamén se outorgaron dúas mencións honoríficas, consistentes en sendas pezas conmemorativas e diplomas acreditativos, ás obras «Mellor docente do ano» do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda e «ConcienciAcción polo clima» do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, e que foron entregadas, respectivamente, por Miguel Zabalza, Catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC, e Fernando Redondo, Profesor de Comunicación audiovisual da USC.
Na lectura da acta por parte do Directivo do Ateneo, Antón Porteiro, o Xurado tamén quixo salientar o traballo «Coñecendo o tempo» do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, o cal, a pesar de quedar fóra das condicións do concurso pola súa escasa duración, causou boa impresión e mereceu unha valoración moi positiva «tanto tecnicamente (boa imaxe, son aceptable, boa música) como pola propia historia e o contexto no que se desenvolve o traballo, pola súa orixinalidade e pola emoción que os rapaces e mozas participantes expresan».
Finalmente, o Presidente do Ateneo, Manuel López-Rivadulla, daba por concluído o acto e esta segunda edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), subliñando que «o Ateneo se compromete a consolidar esta Mostra de Cine e Educación cunha terceira edición para que poidamos seguir promovendo todos os esforzos feitos e plasmados nestas estupendas escenas e animo a todos os centros educativos a continuar producindo estas marabillas como as que visualizamos hoxe».
«La Chica de la Ventana», Centro Escolapios (Monforte de Lemos)
«Spiderman e eu», CEIP Eusebio da Garda (A Coruña)
«ConcienciAcción polo clima», IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela)
«Mellor docente do ano», IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda)