Novas

PREMIO DE XORNALISMO CÍVICO ALFREDO VICENTI 2021 PARA UN ARTIGO SOBRE O ABANDONO DO RURAL GALEGO E A SÚA RECUPERACIÓN

Os traballos galardoados, asinados polo xornalista Manuel Varela, tratan asuntos de interese social

Compartir

 

Este mércores, día 17 de novembro, o Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2021, organizado polo Ateneo de Santiago, vén de outorgar por unanimidade o galardón desta edición ao xornalista Manuel Varela Fariña polos artigos «Los más jóvenes de Galicia recuperan casas centenarias entre montañas» e «El concello con más aldeas vacías», publicados en La Voz de Galicia o 26 de setembro e o 11 de abril de 2021, respectivamente.

Os traballos galardoados abren o debate sobre o abandono que sofre o rural galego e a súa recuperación, salientando os problemas aos que se enfrontan as familias que alí se instalan, temática que, como destaca o Xurado, responde fielmente ao espírito do Premio.

Ler o artigo «Los más jóvenes de Galicia recuperan casas centenarias entre montañas»

Ler o artigo «El concello con más aldeas vacías»

Do mesmo xeito, o Xurado decidiu tamén adxudicar un áccesit a Andrea Oca Domínguez polo seu traballo «Acollemento familiar a menores: moito máis que un teito», publicado en El Correo Gallego o 21 de febreiro de 2021, por promover un debate cívico  de interese social.

Ler o artigo «Acollemento familiar a menores: moito máis que un teito»

O Xurado, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Mercedes Rosón, responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago; e Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago.

A entrega do Premio, dotado con 1.000€ e unha peza conmemorativa, e o accésit, consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público na cidade de Santiago de Compostela o vindeiro mes de Nadal.