Novas

Festival Ateneo Barroco 2021

A terceira edición do festival de música antiga e barroca Ateneo Barroco celebrarase do 4 ao 22 de outubro de 2021
VENDA DE ABONOS E ENTRADAS

Compartir

 

Animados e impulsados pola magnífica acollida do público compostelán e galego, polo alto nivel artístico acadado, o excelente impacto a nivel de difusión e comunicación e, en resumo, a boa imaxe e sensacións deixadas polas dúas primeiras edicións do festival Ateneo Barroco, uns resultados non sinxelos de acadar no debut dun festival novel, especialmente nunha segunda edición marcada polo devir e as restricións sanitarias impostas pola pandemia provocada pola Covid19, a asociación Ateneo de Santiago ten preparada a terceira edición para o mes de outubro de 2021. Con máis de dez anos de experiencia na organización de actividades divulgativas en distintos eidos da cultura e convencido da oportunidade e do axeitado do momento, o Ateneo de Santiago decidiu promover e achegar para a cidade e para Galicia esta nova proposta musical, orixinal e singular en Galicia nestes momentos polos seus contidos e a súa concepción. O festival toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia. Precisamente o Camiño, a viaxe, a peregrinación e o intercambio cultural e musical serven de inspiración na programación deste festival Ateneo Barroco 2021 que, dende unha perspectiva ampla e panorámica, achega músicas que dalgún xeito poden ilustrar o carácter aberto e viaxeiro, comunicativo e de permuta, de mestizaxe, de asociación e préstamo, dos músicos e da música.

Galicia, España, Francia e Italia, territorio dun xeito moi presente nesta programación pola súa transcendencia e influencia no período no que se cimentan as propostas do festival, o Barroco musical, e que nesta ocasión amplía o seu campo de acción á Idade Media e o Renacemento. Os cantos dos trobadores, a música sacra, a ópera, a canción, a música de cámara, … enchen a ampla oferta de estilos e xéneros que abrangue este Ateneo Barroco 2021, no que a voz humana, o instrumento musical e de expresión máis viaxeiro e máis facilmente transportable, inseparable do artista, goza dun especial protagonismo.

Partindo de Compostela e coa versátil chacona (moitas veces expresada como danza e outras como base das máis variadas composicións profanas e relixiosas, sempre conmovedora, suxestiva, atraínte, estimulante…), o conxunto santiagués Resonet achéganos unha novidosa proposta, na que se ilustra e defende a súa orixe compostelá. Unha peregrinación musical dende Compostela cara a Europa, á inversa, seguindo o itinerario da chacona por esa eficaz rede de comunicación entre países e clases sociais que foi e é o Camiño de Santiago; para a ocasión, Resonet conta coa colaboración do barítono inglés Andrew Robinson no programa Europa Galante: A Chacona no barroco, de Compostela para Europa. Hai quen defende que na Francia dos trobadores no século XII se atopa a orixe (conservada documentalmente) da canción de amor que continúa vixente nos nosos días. Bernart de Ventadorn é considerado un dos grandes nomes da lírica medieval provenzal, cuxo itinerario por distintas cortes (mesmo chegando a Inglaterra seguindo a Leonor de Aquitania) ben serve de exemplo da vida itinerante de boa parte dos trobadores provenzais, sendo ademais o seu legado un dos máis ricos que temos a fortuna de conservar. Paloma Gutiérrez del Arroyo (cantante, investigadora e docente, recoñecida especialista na música medieval) achéganos historias de amor e desamor case milenarias de Bernart de Ventadorn co acompañamento dun único instrumento de corda, segundo a práctica máis habitual na época, neste caso a arpa medieval do compostelán Manuel Vilas.

Esa presenza singular da música barroca italiana neste Ateneo Barroco 2021 faise patente en dúas salientables citas. Prestixioso e experimentado clavecinista e estudoso do seu instrumento, Enrico Baiano –napolitano e cofundador do conxunto La Capella della Pietà dei Turchini– toma como base a súa cidade natal, berce, magnético centro musical e influínte metrópole exportadora de xeniais músicos e compositores para, a partir da figura de Domenico Scarlatti, reconstruír o lendario duelo musical que mantivo cun dos grandes da historia da música, con Georg Frederick Händel. Neste concerto, con título O Harmónico Certame, teremos a oportunidade de apreciar o talento sen par de dous músicos viaxeiros que desenvolveron boa parte das súas carreiras noutros países europeos, emigrando na busca de fortuna e oportunidades, o saxón Haendel a Londres e o napolitano Domenico Scarlatti a Portugal e España, onde rematou a súa carreira na corte madrileña escribindo máis de 500 sonatas para clave e converténdose nun catalizador da convivencia e recíproca influencia entre as músicas italiana e española. Deixando patente o especial protagonismo outorgado á voz na terceira edición do festival, comprácenos presentar un dos fitos deste Ateneo Barroco 2021 coa presenza da soprano checa Hana Blažíková, recoñecida especialista da música barroca, renacentista e medieval, sensible cantante e músico, tamén toca a arpa gótica, que atesoura unha frutífera e sólida carreira con actuacións nos máis destacados festivais, teatros e auditorios xunto aos máis prestixiosos conxuntos, orquestras e directores. Hana Blažíková e Bruce Dickey (intérprete virtuoso e investigador, docente e emprendedor e influínte recuperador do seu instrumento, o cornetto) presentan Breathtaking: A viaxe pola Italia do Seicento dun cornetto e unha voz entrelazados, un programa no que exploran a íntima relación entre a voz e as características sonoras e técnicas do cornetto, defendido como un dos instrumentos que máis se aproximan á voz humana, ao tempo que facemos unha interesante viaxe polos territorios italianos ao longo de todo o século XVII acompañados polas arias de óperas e da música sacra de autores como D’India, Cavalli, Merula, Alessandro Scarlatti, Piccinini, etc., unha viaxe que nos transporta tamén aos nosos días con obras especialmente escritas para estes artistas polo anglo-portugués Ivan Moody e o grego Calliope Tsoupaki.

O Festival Ateneo Barroco 2021 atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire. Estruturado en catro concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, cada un suporá unha experiencia musical única e completa, avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, na que tamén se poderá gozar do patrimonio artístico da cidade. O festival presenta unha programación na que o propio público poida buscar e explorar as diferentes interrelacións e conexións entre os programas dos diferentes concertos, especialmente nesta viaxeira terceira edición na que cada un pode imaxinar e deseñar o seu propio itinerario transitando entre as múltiples temáticas e perspectivas posibles entre as que se podería abordar a explicación do programa do Ateneo Barroco 2021 no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está aproveitada ao máximo, un ano máis, no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público do festival e que inclúe case dez actividades entre conferencias, encontros e charlas cos artistas e os seus instrumentos e un ciclo de cinema, documental e música. Precisamente na habitual conferencia inaugural faise patente xa o protagonismo da voz humana neste Ateneo Barroco 2021. A voz como instrumento estilístico e de expresión en diferentes momentos da historia da música é o punto de partida do relato de suxestivo título, “O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar”, proposto por un recoñecido especialista e relator, o activo e polifacético Roberto Relova, doutor en etnomusicoloxía, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo e novo director da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD).

CONCERTOS

O HARMÓNICO CERTAME
O xenio que viaxa e emigra: Haendel e Domenico Scarlatti
ENRICO BAIANO  clave
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Venres 8 outubro 2021
20.30h
PROGRAMA

O ITINERARIO MEDIEVAL DO TROBADOR
Bernart de Ventadorn, cantor medieval da alegría de amar
PALOMA GUTIÉRREZ DEL ARROYO canto
MANUEL VILAS arpa medieval
Igrexa da Universidade
Mércores 13 outubro 2021
20.00h
*arpa realizada por Luís Martínez sobre arpas aparecidas en miniaturas da Biblia Maciejowsky (manuscrito do século XIII procedente do norte de Francia)
PROGRAMA

BREATHTAKING
A viaxe pola Italia do Seicento dun cornetto e unha voz entrelazados
HANA BLAŽÍKOVÁ & BRUCE DICKEY
HANA BLAŽÍKOVÁ  soprano
BRUCE DICKEY  cornetto
MIENEKE VAN DER VELDEN  viola da gamba
KRIS VERHELST  órgano / clave
JAKOB LINDBERG  tiorba
Salón Teatro
Venres 15 outubro 2021
20.00h
PROGRAMA

EUROPA GALANTE
A Chacona no barroco, de Compostela para Europa
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ  soprano
ANDREW ROBINSON  barítono
FERNANDO REYES  guitarra barroca, arquilaúde, tiorba
Teatro Principal
Venres 22 outubro 2021
20.00h
PROGRAMA

VENDA DE ABONOS E LOCALIDADES: www.ateneodesantiago.gal e https://festivalateneobarroco.gal
ABONO 4 CONCERTOS: 30€+gastos de xestión (á venda a partir do 22 de setembro)
ENTRADA 1 CONCERTO: 8€+gastos de xestión (8, 13 e 22 outubro) | 12€+gastos de xestión (15 outubro) (á venda a partir do 29 de setembro)
ACCESO Á VENDA

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS


CONFERENCIA INAUGURAL
O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar
ROBERTO RELOVA
Rúa do Vilar, 19
Luns 4 outubro 2021
20.00h
Preinscrición en ateneo@ateneodesantiago.gal ata o día 1 de outubro


CINEMA, DOC, MÚSICA…

TOUS LES MATINS DU MONDE [30º aniversario]
Alain Corneau. Francia, 1991. 109’
Gérard Depardieu, Jean-Pierre Marielle, Anne Brochet
Rúa do Vilar, 19
martes 5 outubro 2020
19.00h

JORDI SAVALL, NA BUSCA DO SON PERFECTO
Documental, 1996. Didier Baussy-Oulianoff . 49’
Rúa do Vilar, 19
mércores 6 outubro 2020
19.00h


INSTRUMENTOS, XÉNEROS E CONTEXTOS (introdución aos concertos)

Instrumentos, xéneros e contextos # 1
O clave, Domenico Scarlatti
ENRICO BAIANO
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Venres 8 outubro 2021 | 20.30h

Instrumentos, xéneros e contextos # 2
Trobadores
PALOMA GUTIÉRREZ DEL ARROYO / MANUEL VILAS
Igrexa da Universidade
Mércores 13 outubro 2021 | 20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos # 3
O cornetto
BRUCE DICKEY
Salón Teatro
Venres 15 outubro 2021 | 20.00h

Instrumentos, xéneros e contextos # 4
A chacona, Compostela
FERNANDO REYES
Teatro Principal
Venres 22 outubro 2021 | 20.00h