Novas

O VIII Noia Harp Fest, o único certame arpístico do noroeste ibérico, celebrarase do 4 ao 6 de agosto

Artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguay, Euskadi, Cataluña e Andalucía daranse cita neste singular encontro.

Figuras como Marianne Gubri, Tristan Le Govi, Ana Crisman e agrupacións como Basabi participarán nunha cita internacional na que a arpa é o eixe vertebrador dun programa con música clásica, flamenco, folk ou vangarda contemporánea.

Noia Harp Fest incorpora este ano un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre, que se suma ao habitual da Praza do Tapal; mentres que Santa María A Nova acollerá os obradoiros de arpa.

Compartir

 

A vila de Noia volverá acoller este verán a única cita arpística do noroeste ibérico. A oitava edición do certame internacional Noia Harp Fest celebrarase do 4 ao 6 de agosto. O director da cita musical, Rodrigo Romaní, e o edil de cultura de Noia, José Pérez Martínez, presentaron a programación, que reunirá artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguay, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía na localidade coruñesa. 

O VIII Noia Harp Fest, que se desenvolverá na primeira fin de semana de agosto, inclúe concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento. Como resultado, o certame acolle a través da súa programación unha pluralidade estilística moi variada, o que dá pé a que o público poida gozar “dunha proposta exquisita na que tamén se descobren rarezas de calidade”, tal e como apunta Rodrigo Romaní. Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou, por primeira vez, o flamenco, formarán parte do festival.

Así, a arpa constitúe o eixe vertebrador dun festival cuxo cartel inclúe arpistas e intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan Le Govi -en formato trío-, a andaluza Ana Crisman ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domene. Outro dúo, Formiga e Cigale, desta quenda francés e catalán, explora a música folk a través da arpa celta e do violín; mentres que o trío paraguaio Ysando fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias. Con todo, nesta edición do Noia Harp Fest tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un singular instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.


NOVO ESCENARIO A CEO ABERTO

A VIII edición do Noia Harp Fest terá un circuíto de escenarios conformado pola xa tradicional Praza do Tapal, espazo no que se desenvolven habitualmente os concertos nocturnos, ou mesmo Santa María A Nova, que acolle os obradoiros e talleres que imparten as artistas participantes. Mais, nesta ocasión, Noia Harp Fest incorpora un novo escenario a ceo aberto, coa intención de afondar na estreita relación entre o patrimonio musical e arquitectónico que o certame musical pretende poñer en valor dende a primeira edición, ao tempo que celebra e visualiza os monumentos do territorio no que se desenvolve.

É o caso dos xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre, nos que se atopa o edificio modernista deseñado polo recoñecido arquitecto Antonio Palacios (autor de obras como o Palacio de las Telecomunicaciones de Madrid ou o Círculo de Bellas Artes da mesma cidade). Ao abeiro deste monumento da arquitectura industrial, celebraranse os concertos acústicos en horario de tarde, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan.


OBRADOIROS DE ARPA

Outra das novidades respecto da pasada edición é que o Noia Harp Fest retomará neste 2021 algunha das súas actividades paralelas habituais. É o caso dos obradoiros impartidos polos participantes do festival, que ofrecerán clases maxistrais ao alumnado deste instrumento en Santa María A Nova. Serán tres sesións diferentes, nas mañás dos días de celebración do festival, nas que Marianne Gubri (mércores 4), Aiste Bruzaite (xoves 5) e Ana Crisman (venres 6) compartirán todo o seu coñecemento e experiencia con novos instrumentistas galegos.

O prazo de solicitude para participar nestes obradoiros está aberto dende o mércores, 14 de xullo, a través da propia páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal, na que o público tamén pode consultar tanto os datos da programación desta edición, así como a información pertinente para proceder á reserva de entradas.


RESERVA DE ENTRADAS

Os concertos do Noia Harp Fest son de acceso gratuíto, se ben cómpre facer unha reserva previa para poder asistir a través de convite. En atención á normativa sanitaria vixente de prevención da covid-19, e coa intención poder garantir a súa entrada para cada concerto, as persoas interesadas en asistir a algunha das citas do certame deberán remitir, con antelación, un correo electrónico á dirección programacionconcellodenoia@gmail.com, indicando o seu nome e apelido, DNI, teléfono de contacto, concerto ao que quere ir -indicando o día ou días que quere asistir, así como a hora ou horas das actuacións- e número de persoas que asistirán a cada actuación -no caso dos concertos de tarde, será un máximo de 2 persoas, mentres que para os nocturnos será posible reservar ata 4 prazas-. O Concello de Noia confirmará os convites a través do mesmo método e requerirá os datos que sexan precisos para a súa formalización.

Para máis información sobre o VIII Noia Harp Fest, ou calquera novidade sobre o festival, o público pode visitar a páxina web oficial ou os perfís que o certame posúe nas canles Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.

Programa
Dossier de artistas