Novas

FINANCIAMENTO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Documento debatido na xuntanza do Foro Cívico do día 6 de maio de 2021

Compartir

 

No curso 2019-20 matriculáronse 19.023 estudantes de grao, 1.966 de másteres e 2.574 en programas de doutoramento. Un 85% dos alumnos cursan estudos de grao en facultades e escolas do campus de Santiago de Compostela. Nos programas de mobilidade de acollida ou saída,participaron 1.840 estudantes. Ao abeiro do Programa Erasmus asináronse 1.142 acordos de intercambio con 453 universidades de 31 países europeos e 500 estudantes da USC foron acollidos noutras universidades e 338 estudantes europeos viñeron realizar estudos á USC. O cadro de persoal da USC está composto por 3.294 persoas: 2.071 son Persoal Docente e Investigador (63 %) e 1.223 Persoal de Administración e Servizos (37 %). O 47,7 % do cadro de persoal son mulleres.  O 82 % do persoal da USC (o 79 % do PDI e o 87 % do PAS) traballa en centros ou servizos do Campus de Santiago e un 18 % no Campus de Lugo (o 21 % do PDI e o 13 % do PAS).

Estes datosrepresentan unha achega da relevancia do papel da Universidade na nosa cidade, pero esta relevancia non só ten un carácter cuantitativo senón tamén cualitativo.

Dende o punto de vista económico, resulta transcendental a presenza da Universidade. O cálculo aproximado da porcentaxe do PIB local que achega sitúase arredor do 20% tanto na súa contribución directa como o impacto que ten sobor doutros sectores económicos (hostalería, transporte, turismo, etc.). Este é un feito diferencial respecto ás restantes Universidades galegas e as súas cidades onde a presenza e incidencia das súas respectivas Universidades é moito máis cativa.

Dende un punto de vista cualitativo, temos que destacar, en primeiro termo, non xa a alta cualificación do persoal que a compón (docentes, investigadores, etc.) e o alto nivel das súas rendas e salarios senón a presenza continuada de milleiros de estudantes nacionais e estranxeiros na cidade, o que ten modificado e rexuvenecido a composición da poboación, modernizando as súas pautas culturais, e que supoñen, dada a súa continuada estadía, un enorme valor económico. Este ano, 2021, a de Santiago mantense, un ano máis, entre as 500 mellores universidades do mundo, segundo a avaliación anual do Academic Ranking of World Universities (ARWU), clasificación que dende 2003 realiza a Universidade Jiao Tong de Shanghai. Por grandes áreas de coñecemento, a USC continúa figurando entre as 200 universidades de todo o mundo máis influentes na área de Ciencias Naturais e Matemáticas, concretamente no intervalo 150-200, e entre as 100 mellores institucións universitarias no eido das Matemáticas. De entre as mellores do mundo, este ranking sitúa un total de trece universidades españolas. A de Santiago figura no intervalo 401-500 xunto á Politécnica de Cataluña, Sevilla, País Vasco e Zaragoza.

Pero é que, ademais, na perspectiva do futuro das cidades, as Universidades en xeral, e a nosa en particular, teñen que xogar un papel clave no desenvolvemento económico do seu territorio pola súa achega á xeración do I+D+i. As distintas áreas de investigación e de actividade científica-tecnolóxica son de enorme importancia para o conxunto do desenvolvemento económico (biomedicina, farmacia, saúde, medio ambiente, recursos naturais, produción industrial e materiais, etc.).

Na actualidade, o tecido económico e social ten, de xeito crecente, unha meirande conciencia do importante papel das Universidades e amosa o seu interese nas súas capacidades no que respecta a atopar solucións que engadan máis valor á súa actividade.

Tamén é preciso subliñar o feito de ser unha Universidade con máis de 500 anos de antigüidade, cun nome dunha cidade amplamente coñecida e recoñecida internacionalmente (máis de trescentas cidades con denominación Santiago), orixe do primeiro itinerario cultural europeo e cunha capacidade de relación internacional moi elevada. A USC é líder e referente do denominado Grupo Compostela de Universidades, que reúne a máis de cincuenta universidades europeas; ocupa un lugar destacado no Scimago World Report que avalía a cantidade, rendemento e impacto internacional da súa investigación, e vén a manter unha fluída e crecente relación académico-investigadora con Latinoamérica, que abre amplas posibilidades de proxección exterior de empresas e sectores produtivos do país.

Por outra banda, e en derradeiro termo, a existencia duna Universidade histórica e prestixiosa contribúe, de xeito importante, a sustentar a imaxe de Compostela como cidade de cultura, da educación e do coñecemento, que hoxe constitúen un gran atractivo da cidade, non só a efectos de visitantes senón tamén como espazo de localización de investimentos empresariais.

En definitiva, como cidadáns de Santiago, non podemos ser indiferentes diante dos problemas e os intereses da Universidade senón todo o contrario, desexamos compartir e apoiar firmemente os seus obxectivos, de tal xeito que as súas demandas sexan atendidas polas distintas Administracións públicas, especialmente a autonómica e a local, e comprendidas por todos os cidadáns.

Neste senso propoñemos

a) Un novo plan de financiamento das Universidades a nivel galego que supoña un crecemento substancial da achega da Xunta de Galicia e que exprese de xeito claro a aposta estratéxica pola investigación e a innovación, establecendo un financiamento basal da investigación e o seu reparto con criterios de resultados.

b) O establecemento de fondos de financiamento específicos para os servizos diferenciados que presta a Universidade e que teñen impacto na realidade social (servizo de residencias, entre outros), así como unha achega específica para a consolidación do persoal de I+D que posibilite o desenvolvemento dun modelo de carreira investigadora.

c) Un trato financeiro xusto para a USC, acorde coa relevancia e o impacto que supón para a cidade de Santiago a institución universitaria e que posibilite dar resposta á renovación e modernización das súas infraestruturas.

d) Requirir do Concello de Santiago que considere prioritaria a satisfacción das necesidades da Universidade, verdadeiro motor da cidade, establecendo un programa de traballo específico para a acollida e benestar dos universitarios (alumnos, profesores e investigadores), así como das infraestruturas e edificios onde se produce a actividade universitaria.

Maio de 2021