Novas

Premio "Luís Ksado" de creación fotográfica

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de abril de 2021.

Compartir

Tendo en conta a significación especial que, para a difusión das artes da imaxe e, especialmente da fotografía, posúe, dende hai tempo a nosa provincia e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativas neste campo como foi Luís Ksado, a Deputación da Coruña convoca o “XV Premio “Luís Ksado” de Creación Fotográfica, de acordo coas seguintes

 

BASES

Primeira

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, interesadas no campo da fotografía, que non fosen premiadas con este premio nos cinco anos anteriores e que presenten obras inéditas e non premiadas en ningún outro premio ou certame.

A orixinalidade da obra e a súa autoría xustificarase mediante unha declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos.

En consecuencia, a Deputación Provincial da Coruña non se fará responsable das posibles denuncias por plaxio ou eventualidade similar que poideran xurdir, recaendo na persoa participante afectada as accións legais que procedan e asumindo, se é o caso, as indemnizacións que poideran corresponder polos prexuízos ocasionados a particulares ou á organización.

As persoas participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do premio.

Segunda

Establécese un premio único dotado con 6.500 €, que poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo. Neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

O premio non poderá concederse a título póstumo, sin prexuízo dos dereitos de sucesión que poidan exercerse si a beneficiaria falecese despois do fallo do xurado.

A Deputación poderá publicar un catálogo coas obras premiadas e, previo acordo coas súas autoras ou autores, poderá publicar, tamén, aquelas obras que non fosen premiadas e que o xurado considere de calidade.

As persoas cuxas obras sexan incluídas na publicación recibirán cinco exemplares do catálogo.

Terceira

As fotografías deberán compoñer unha serie de un mínimo de seis e un máximo de doce, en formato de 30 x 40 cm. As copias deberán entregarse sen tipo ningún de montaxe ou enmarcado, en color ou branco e negro e inscribiranse no campo do fotodocumentalismo, fotoperiodismo ou reportaxe en xeral.

Non serán admitidas imaxes de montaxes, nin de manipulación dixital.

Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que se enviará un sobre á parte, en cuxo exterior conste: XV Premio Luís Ksado, de creación fotográfica, o título da obra ou o seu lema, así como o pseudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída a documentación seguinte:

– Copia do documento de identidade.

– O enderezo, un teléfono de contacto, un correo electrónico.

– Un breve currículo.

– Unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.

– Declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos e da súa cesión temporal para os efectos da reprodución total ou parcial da obra e a súa inclusión no catálogo das obras seleccionadas polo xurado.

– Declaración de consentimento expreso para o tratamento dos datos persoais que constan na solicitude para a participación no XV Premio “Luís Ksado” de creación fotográfica, de conformidade co establecido na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

As fotografías deberán levar no dorso o título da serie, ou un lema, e o número de orde que teña cada unha delas dentro da serie.

Cuarta

O prazo de presentación de solicitudes determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste premio no BOP da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

As obras enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre XV Premio “Luís Ksado” de creación fotográfica.

Quinta

O xurado estará presidido pola persoa que ocupe a Presidencia da Deputación ou persoa en quen delegar e formarán parte del cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da fotografía, nomeadas por ela. As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou a funcionaria ou funcionario en quen delegar.

Para o nomeamento do xurado respectarase a presencia equilibrada de mulleres e homes, en cumprimento do disposto no Capítulo I, artigo 5.2d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade

As persoas que integren o xurado estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de rexime xurídico do sector público.

A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, na páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

Sexta

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art.17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta á Presidencia da Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.

O fallo do xurado será inapelable. Terá lugar no primeiro semestre de 2021 e será dada a coñecer a través da páxina web da Deputación www.dacoruna.gal ; a Deputación resérvase o dereito a cambiar a data se é necesario.

Sétima

As obras non premiadas serán devoltas ás/os autoras/es , despois da decisión do premio. Para estes efectos ao día seguinte ao da publicación da decisión do xurado abriranse todas as plicas e devolveranse as coleccións non seleccionadas.

Oitava

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Novena

Os datos subministrados teñen a finalidade de poder tramitar esta convocatoria e están protexidos pola Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais O responsable do tratamento dos datos é a Deputación Provincial da Coruña, e o encargado será a empresa contratada pola Deputación Provincial para coordinar o Premio, no caso de se contratar. A lexitimación para o tratamento dos datos persoais contidos nesta solicitude é o consentimento que o asinante outorga á Deputación Provincial coa súa firma. No caso de que sexa denegado o consentimento para o tratamento dos datos persoais, non poderá presentarse ao Concurso por imposibilidade de tramitación da solicitude. O destinatario dos datos é a Deputación Provincial que non cederá datos a terceiros, salvo obriga legal. Os datos facilitados conservaranse ata a finalización da tramitación da convocatoria. As persoas que participen na convocatoria teñen os dereitos a acceder, rectificar ou suprimir datos erróneos, solicitar a limitación do tratamento dos seus datos así como opoñerse ou retirar o consentimento e solicitar a portabilidade dos mesmos en calquera momento. Estes dereitos poderán exercerse perante as oficinas centrais da Deputación sitas na Av. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña ou ben a través de medios electrónicos, dirixindo un correo ao enderezo delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal. Pode consultar a política de privacidade da Deputación na dirección www.dacoruna.gal/avisos/politica-privacidade.