Novas

EXPOSICIÓN «DONA EMILIA E COMPOSTELA»

A mostra pode visitarse no Pazo de Fonseca ata o 24 de abril en horario de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.30h de luns a sábado

Compartir

A exposición «Dona Emilia e Compostela», organizada polo Ateneo de Santiago coa colaboración da Universidade de Santiago, o Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, estará instalada no Salón Artesoado e na Capela de Fonseca, entre o 4 de Marzo e o 24 de Abril de 2021.


Comisariada por José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española da USC e Vogal da Directiva do Ateneo de Santiago, e Santiago Díaz Lage, Profesor na UNED (Madrid), ten como principal obxectivo amosar a presenza da escritora en Santiago de Compostela (visitas, estadías, relacións, amizades, lembranzas, testemuñas…), así como a pegada da cidade na súa obra (escenario de novelas e contos, crónicas e artigos xornalísticos, ensaios, etc.). 

Organizada en dúas partes, a Primeira, “Emilia en Compostela (1866-1879)”, repasa cronoloxicamente os principais momentos da biografía da autora, na súa relación con Santiago de Compostela, recollendo, en vitrinas e paneis, algúns libros en edicións deses anos, documentos e manuscritos autógrafos, gravados (de personaxes ou lugares), reproducións de noticias e comentarios na prensa periódica coetánea, etc. 

A Segunda Parte, “Compostela na obra de Pardo Bazán (1880-1921)”, dedícase á presenza de Santiago na obra literaria (preferentemente, relatos e artigos) de Pardo Bazán. 

A) Unha selección das súas novelas e contos, datados entre 1879 e 1918, total ou parcialmente localizados en Compostela, cada un dos cales se ilustra con gravados ou fotografías antigas dos lugares, monumentos, rúas, expresamente mencionados, aludidos ou evocados, xunto á transcrición dos fragmentos textuais correspondentes; ademais, expóñense exemplares de cada un deses relatos, nas súas primeiras edicións ou en edicións críticas recentes preparadas por investigadores da USC, manuscritos autógrafos (borradores, galeradas corrixidas...)

B) Unha relación dos ensaios, crónicas e artigos xornalísticos expresamente referidos a Santiago, ilustrada coa reprodución facsímile ampliada da correspondente publicación na prensa periódica, e con gravados ou fotografías antigas dos temas, asuntos, personaxes, lugares ou monumentos tratados nos artigos.