Novas

Adela Bértolo obtén o premio Alfredo Vicenti 2020 nunha edición moi disputada

Compartir

 

O Xurado do Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico 2020, reunido este mércores día 18 de novembro, acordou por maioría outorgar o galardón desta edición á xornalista Adela Bértolo Lueiro polo artigo “#UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede”, publicado o 29 de abril de 2020 en Vinte, revista do xornal Praza Pública.

Ler o artigo

Non obstante, dada a valía dos finalistas, o Xurado acordou propoñer outorgar 2 áccesits: a David Reinero González, pola reportaxe “O que custou o AVE a piques de rematar”, e a Marta Otero Mayán, polo artigo “Menores migrantes, ayer y hoy”.

O Xurado, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Manuel López-Rivadulla, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Mercedes Rosón, responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago; Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; Montserrat Dopico, xornalista gañadora da última edición; e, actuando como Secretario do Xurado, Francisco Candela, Secretario do Ateneo de Santiago.

Ao Premio concorreron un total de catorce traballos presentados dentro do prazo previsto de oito participantes diferentes que publicaron os seus artigos nos distintos medios de comunicación.

A entrega do galardón e os accésits terá lugar nun acto público na cidade de Santiago de Compostela o vindeiro mes de Nadal.