Hemeroteca

O aproveitamento enerxético nos 'Luns do Ateneo'

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O luns 22, ás 20.00 horas, o Ateneo de Santiago ofrece unha conferencia titulada «A revolución circular: auga e residuos como inmensas fontes de recursos», que será impartida por Alberto Sánchez, Director da Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua Galicia).
Na conferencia verase como a palabra “residuo” debe ser necesariamente desbotada nun futuro próximo. Nos últimos anos e na actualidade, estase avanzando con paso firme cara a un modelo de circularidade no que os residuos sólidos urbanos e industriais e as augas residuais ganaron interese como grandes e estables vectores de recursos. Xa existe tecnoloxía para converter determinados residuos en recursos enerxéticos e, máis cedo que tarde, como novas materias primas verdes para procesos xeradores de plásticos biodegradables, combustibles, proteínas e aditivos para fármacos ou cosméticos. 
Alberto Sánchez Sánchez é Enxeñeiro Químico pola Universidade de Salamanca (2006) e Doutor en Enxeñería Química e Ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela (2013), grazas á súa investigación no campo do tratamento das augas residuais urbanas e industriais. Tras o seu Doutorado, incorpórase como investigador á Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua Galicia), na que actualmente exerce funcións de director. Máis información

Ver en Galicia Diario