Hemeroteca

Os 'Luns do Ateneo' analiza os efectos da pandemia no sistema sanitario

A conferencia terá lugar este luns 8 de febreiro ás 20h da man de Beatriz González López-Valcárcel, Catedrática de Economía Aplicada e experta en Economía da Saúde e Políticas Públicas

Este luns 8 de febreiro ás 20.00h o Ateneo de Santiago ofrece unha conferencia titulada ‘A situación sanitaria na pandemia e perspectivas de futuro’, que será impartida por Beatriz González López-Valcárcel, Catedrática de Economía Aplicada da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e experta en Economía da Saúde e Políticas Públicas.

A pandemia supuxo dende os seus inicios unha revolución para os nosos servizos sanitarios. Sen ter aínda o suficiente coñecemento sobre o virus, a Sanidade tivo que adaptar metodoloxías, ferramentas e espazos de traballo a unha situación sen precedentes. Pouco a pouco ou máis axiña, foron chegando as consecuencias da Covid-19 ao noso sistema: colapso sanitario, atención telefónica, posposición de intervencións cirúrxicas... A conferenciante analizará estes e outros efectos da pandemia na nosa Sanidade.

Beatriz González López-Valcárcel, Licenciada en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutora en Económicas pola Universidade de La Laguna, é profesora da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. Foi presidenta da Asociación Española de Economía da Saúde entre 2004 e 2005 e da Sección de Economía da Saúde Pública da Asociación Europea de Saúde Pública (EUPHA) entre 2011 e 2012. Tamén foi membro do Consello Asesor de Sanidade do Ministerio de Economía de España, representante de Canarias no Comité Consultivo do Sistema Nacional de Saúde e Presidenta da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria entre 2015 e 2017. En 2011 recibiu a Cruz da Orde Civil de Sanidade e foi nomeada filla adoptiva das Palmas de Gran Canaria en 2009 e da Illa de Gran Canaria en 2016. Tamén é profesora Honoris Causa pola Universidade Isalud de Bos Aires e actualmente é membro do Grupo de Traballo Multidisciplinar COVID-19 do Ministerio de Ciencia e Innovación.

 

Ler en Compostela 24 Horas