Hemeroteca

O Ateneo de Santiago presentou a súa nova plataforma de podcasts

A presentación da nova plataforma tivo lugar este xoves 28

Compartir

Ateneo de Santiago presentou este xoves unha plataforma radiofónica que agrupará podcasts de temáticas diversas. Trátase de Radio Ateneo Podcast, unha plataforma aberta que pretende ir moito máis alá dos límites da actividade normal da asociación, rompendo barreiras físicas e xeográficas, na que teñen cabida dende a experimentación radiofónica á divulgación científica, pasando polo debate social e a actualidade artística, coa crítica máis esixente, incluíndo a cultura popular contemporánea e todos os temas de interese social que envolven o panorama santiagués e galego.

Radio Ateneo Podcast bota a andar con diversos programas realizados por ateneístas, como Píldoras de Información Farmacéutica de Isabel Sández, PsicoEduca de Juana Otero ou Ateneo Jazz de Antón Porteiro. Así mesmo, incluirá entrevistas aos conferenciantes dos Luns do Ateneo, así como reportaxes das temáticas vinculadas ao Ateneo dende os seus comezos. Ademais, a plataforma acollerá cada semana novos episodios dos programas xa existentes, pero manterá a porta aberta tamén a novos formatos, tanto por parte de membros do Ateneo como de calquera cidadán interesado en participar nesta radio aberta.

Todos os contidos da radio do Ateneo poderán ser escoitados dende a súa páxina web, ateneodesantiago.gal/radio, así como a través das plataformas iVoox, Spotify, Google Podcasts e Spreaker. Ademais, Radio Ateneo Podcast contará coas súas propias redes sociais:

-       Instagram: @radioateneo

-       Facebook: Radio Ateneo

-       Twitter: @ateneoradio

 

Ver en Compostela 24 horas