Hemeroteca

O Ateneo de Santiago presentou a súa nova plataforma de podcasts

Estará dispoñible na web, tamén en portais como Spotify, Google, Spreaker ou iVoxx

Compartir

Santiago. O Ateneo de Santiago presentou onte unha plataforma radiofónica que agrupará podcasts de temáticas diversas. Trátase de Radio Ateneo Podcast, unha plataforma aberta que pretende ir moito máis alá dos límites da actividade normal da asociación, rompendo barreiras físicas e xeográficas, na que teñen cabida dende a experimentación radiofónica á divulgación científica, pasando polo debate social e a actualidade artística, coa crítica máis esixente, incluíndo a cultura popular contemporánea e todos os temas de interese social que envolven o panorama santiagués e galego.

Radio Ateneo Podcast bota a andar con diversos programas realizados por ateneístas, como Píldoras de Información Farmacéutica de Isabel Sández, PsicoEduca de Juana Otero ou Ateneo Jazz de Antón Porteiro. Así mesmo, incluirá entrevistas aos conferenciantes dos Luns do Ateneo, así como reportaxes das temáticas vinculadas ao Ateneo dende os seus comezos. Todos os contidos da radio do Ateneo poderán ser escoitados dende a súa web, ateneodesantiago.gal/radio, así como a través das plataformas iVoox, Spotify, Google Podcasts e Spreaker. Ademais, Radio Ateneo Podcast contará coas súas propias redes sociais.

Ver en El Correo Gallego