Hemeroteca

Debate sobre as vacinas do COVID no Ateneo

María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamento, será a relatora // Poderá seguirse a través das redes sociais e formular logo preguntas no coloquio usando o WhatsApp

Compartir

Este luns 11 de xaneiro, ás 20.00 horas, o Ateneo de Santiago ofrece unha conferencia titulada Un camiño de éxito ata as vacinas da covid, que será impartida por María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamento.

As vacinas da COVID son unha das principais inquedanzas da sociedade a nivel global, e tamén no noso país. Malia ter comezado xa o proceso de vacinación, son moitas as persoas que seguen a ter dúbidas con respecto a elas, non só da súa eficacia, senón da elaboración, do plan de vacinación, beneficios, efectos secundarios…

Todos estes e moitos outros aspectos sobre a pandemia serán tratados pola conferenciante. María Jesús Lamas é unha farmacéutica e investigadora galega, licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada tamén por esta universidade coa tese Estudo farmacoxenético do cancro colorrectal.

Lamas comezou como residente de Farmacia (FIR) no Hospital Clínico de Santiago (CHUS), servizo no que permaneceu máis de 20 anos. Ao mesmo tempo, coordinaba a Área de Plataformas e Metodoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS- ISCII) e de 2012 a 2016 foi tamén directora de Investigación da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH). Na actualidade, e dende o ano 2018, é a directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Debido ás restricións sanitarias, a esta conferencia só se poderá asistir por medio da plataforma Zoom, a páxina web www.ateneodesantiago.com e as seguintes redes sociais do Ateneo: Youtube: Ateneo de Santiago

Facebook: Ateneo Santiago

Twitter: @AteneoSantiago

As preguntas para o coloquio que terá lugar unha vez finalizada a conferencia, poderán facerse a través de Zoom e enviarse ao WhatsApp do Ateneo, no número 622 274 110.

 

Ler artigo en El Correo Gallego