Hemeroteca

2020, ano Concepción Arenal na USC

Compartir

Compostela, 9 de xaneiro do 2019 – A Universidade de Santiago conmemora este ano 2020 o centenario do nacemento de Concepción Arenal, unha das primeiras feministas de España.





O ano Concepción Arenal terá unha nutrida axenda de actividades para lembrar a que fora licenciada en dereito pola USC, ademais de xornalista e escritora.





O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e o vicepresidente e o secretario do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla Lamas e Francisco Candela Castrillo, reuníronse mércores co reitor Antonio López no Colexio San Xerome coa intención de perfilar as accións conxuntas que estas institucións desenvolverán para reivindicar a figura da autora ferrolá e nas que tamén tomará parte o Consello da Cultura Galega.









Malia que este é un proxecto colectivo e aberto á participación doutras entidades, a Universidade traballa xa, xunto con estas institucións, no desenvolvemento de diferentes iniciativas cuxos puntos nucleares serán unha exposición no Colexio de Fonseca no rogramada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’, así como a celebración dun congreso internacional no mes de outubro no que diferentes especialistas poderán abordar a figura de Concepción Arenal dende un enfoque multidisciplinar.





Ademais da mostra e do congreso, a USC impulsará unha serie de concertos nutridos coa obra de compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán. Obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos, conformarán, entre outros autores e autoras, o programa dos concertos.





Asemade, tal e como se puxo de manifesto na reunión, as institucións están a traballar noutras accións. Entre elas, a USC súmase á iniciativa do Ateneo de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco. Nesta liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso.





O venres 31 de xaneiro, data do aniversario do seu nacemento, os centros que integran a USC, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, están chamados a acoller diferentes iniciativas para visibilizar e poñer en valor ante a comunidade universitaria e a sociedade en xeral, a figura de Concepción Arenal. Neste senso, nas vindeiras datas levaranse a cabo reunións cos centros para definir este programa de actividades. O descubrimento dun vítor na honra da xornalista de actos que se desenvolverá ao longo de 2020.





Comisión para definir o programa





Malia que o primeiro encontro entre as diferentes institucións tivo lugar este mércores, a USC leva traballando dende hai varios meses no deseño da programación para este ano Concepción Arenal. Neste senso, elaborouse unha comisión interdisciplinar, a fin de artellar unha axenda que aborde dende diversas perspectivas a súa traxectoria. Ramón Ángel Bouzas Lorenzo, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais; Ana María Gude Fernández, decana da Facultade de Dereito; José Francisco Méndez García, director da Biblioteca Concepción Arenal; Anxo Doval, Biblioteca Concepción Arenal; a catedrática de Dereito Administrativo, Alba Nogueira; a catedrática de Dereito Civil, María Paz García Rubio; a catedrática de Filosofía, María José Agra; o profesor de Dereito Penal, Fernando Vázquez Portomeñe; e o profesor de Historia da Educación, Vicente Peña Saavedra, integran a comisión da USC para este ano Concepción Arenal.





Ver en Lindeiros