Hemeroteca

Luns do Ateneo con mulleres universitarias

Compartir

Compostela, 9 de marzo do 2020 – O Ateneo de Santiago conmemora o Día da Muller cunha charla con Mulleres Universitarias. A cita esta tarde, a partir das 8, na Rúa do Vilar 19





Mar Lorenzo




O acto, que leva por título «Universitarias, científicas e emprendedoras», reúne a varias mulleres destacadas da Universidade de Santiago como son Mabel Loza, Catedrática de Farmacoloxía; Carme Pampín, Doutora en Química Orgánica; e Eva López Barrio, Coordinadora do Programa Woman Emprende; así como a Vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, quen exercerá de moderadora.





Eva López




Esta mesa redonda xirará arredor da reivindicación da igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade. Para iso, ao longo da charla farase fincapé nos papeis que teñen as mulleres na USC como científicas, emprendedoras e investigadoras, dándolle voz a un grupo de catedráticas e doutoras nesta institución.





Carme Pampín




Mabel Loza




A Vicerreitora Mar Lorenzo é doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, coordina o Programa de Doutoramento en Educación da USC e forma parte do grupo de investigación ESCULCA, da Rede RIES e da Rede de Excelencia Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento. A Catedrática Mabel Loza coordina o grupo BioFarma, promoveu a fundación de tres compañías, é patroa fundadora e codirectora científica da Fundación Kærtor e gañou o Premio María Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Doutora Carme Pampín é co-fundadora e Directora Executiva de Galchimia S.A. así como Presidenta de BIOGA – Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e do Hub de Innovación Dixital, DATALIFE. Por último, Eva López Barrio coordina o Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e é Titora das Axudas Emega da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.





Ver en Lindeiros