Hemeroteca

A arte medieval galega no Ateneo de Santiago

Compartir

O Ateneo de Santiago, por medio do seu grupo Ateneo Viaxeiro, pon a disposición do público en xeral o traballo “A Arte Medieval Galega”.





Trátase dunha serie de documentos gráficos realizados pola Historiadora da Arte María del Carmen Sánchez Carrera onde, a través de varios capítulos, se poderán coñecer os monumentos da arte medieval galega  e entender as súas características técnicas.





O primeiro capítulo, que versa sobre o Prerrománico, xa se pode consultar na páxina web da asociación compostelá www.ateneodesantiago.com. O percorrido, de pouco máis de 10 minutos, lévanos por varios conxuntos artísticos construídos entre os séculos VI e IX, explicando con exemplos gráficos as características que identifican os diferentes períodos en que se divide para rematar coa imaxe da basílica construída tras a descuberta da tumba apostólica e as influencias mozárabes dos últimos anos.





O traballo consta doutros 7 capítulos, que se irán publicando periodicamente nas vindeiras semanas, onde se analizará a fondo dende o románico anterior á Catedral de Santiago ata o propio monumento e outras catedrais menores, pasando polo Císter, o románico serodio, as ordes mendicantes ou o gótico galego.









Ademais deste traballo, a mesma web do Ateneo de Santiago recolle, baixo o apartado “Cultura na casa”, varias actividades culturais que se poden realizar dende os domicilios de forma gratuíta como conferencias, cinema, ópera, literatura, teatro, concertos, visitas virtuais a exposicións e museos, festivais ou actividades para nenos/as, entre outras.





Ver en Lindeiros