Debate sobre «Cartas de una pionera» de Elinore Pruitt Stewart

Data
Martes, 1 e 9 de decembro de 2020
Horario
17.45h
Lugar
Skype

Os martes, 1 e 9 de decembro, ás 17.45h terán lugar sendas sesións telemáticas do Club de lectura a través da plataforma Skype, onde se comentará a obra Cartas de una pionera de Elinore Pruitt Stewart.

Esta obra narra en primeira persoa como a autora rompeu convencionalismos sociais e tomou por completo as rendas da súa vida. Nun tempo en que a muller só podía dedicarse ao coidado da súa familia, Elinore Pruitt Stewart apostou por reinventarse e aprender a valerse por si mesma, nunha contorna tan xenerosa como esixente. As narracións das escapadas campestres que fai xunto á súa filla pequena, no medio de nevaradas, ladróns de gando e fogatas, enchen a lectura de aire fresco das montañas de Wyoming.

Elinore Pruitt (Fort Smith, Arkansas, 1876) pasou a infancia en Oklahoma, en territorio indio, onde puido estudar durante moi pouco tempo xa que con catorce anos morreron os seus pais e tivo que facerse cargo dos seus oito irmáns pequenos coa axuda da súa avoa. Anos despois tivo a súa primeira filla, Jerrine, coa que marchou soa para Denver xunto con dúas das súas irmás pequenas. Alí sobrevivía traballando de cociñeira polo que posteriormente marchou a Wyoming a traballar de ama de chaves dun granxeiro. Dende Wyoming escribíalle a unha antiga patrona de Denver unhas cartas nas que lle explicaba todas as peripecias e curiosidades da súa nova vida. A pesar de non ter podido estudar todo o que quixo, eran textos moi ben escritos nos que abría o seu corazón e relataba a súa existencia con sensibilidade e frescura polo que a destinataria animouna a publicalas, primeiro de maneira independente e logo como libros, pasando á historia da conquista do oeste como unha preciada testemuña de vida.

Próximos eventos Ver axenda