Novas

Exposición "Maruxa Seoane: achegamento a Mª Elvira Fernández López" na Fundación Granell

Compartir

Exposición "Maruxa Seoane: achegamento a Mª Elvira Fernández López", organizada pola Fundación Luis Seoane e comisariada por Juan de la Colina:
 

Apertura: xoves, 9 de xullo, 12h.
Datas: do 9 de xullo ao 20 de setembro de 2020
Lugar: Fundación Eugenio Granell (salas 4 e 5 do primeiro andar)
Horario: de martes a xoves, 11h-14h, 16h-20h / Venres, 11h-14h, 17h-20h / Sábados, 11h-14h / Domingos e luns pechado.


"Maruxa Seoane: achegamento a Mª Elvira Fernández López" é un proxecto expositivo que afonda na figura de María Elvira Fernández López (A Coruña, 24 de xaneiro de 1912 - 25 de marzo de 2003), Maruxa, compañeira inseparable de Luis Seoane, persoa chave na súa traxectoria que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicaría a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culminaría en 1996 coa creación da Fundación Luis Seoane na Coruña.

Comisariada polo artista e profesor de arte Juan de la Colina, a mostra nace do desexo de destacar e renderlle homenaxe á personalidade de Maruxa Seoane e, ao mesmo tempo, recoñecer e visibilizar o seu labor, reducido con frecuencia ao papel de 'muller de artista'. Para isto, a exposición reúne unha selección de óleos, fotografías, obra gráfica e documentación diversa, así como varias testemuñas, co fin de elaborar o retrato dunha muller do seu tempo, que por vontade propia dedicou a súa vida a Luis Seoane participando da súa vocación de servizo á cultura galega.

A exposición inclúe ademais, nun espazo creado para a ocasión, un documental dirixido por Juan de la Colina, que ilustra e reflexiona acerca da figura de Maruxa Seoane. Experimental na forma, a película ten vocación de documento veraz. A banda sonora do documental foi realizada específicamente polo músico de orixe galego Pao Durán, e nela figuran gravacións dos anos 40 coa voz da propia Maruxa cantando.

 



OUTROS DATOS SOBRE A EXPOSICIÓN
 

  • Óleos e debuxos orixinais de Luis Seoane dedicados á súa dona ou inspirados nela.
  • Alguns óleos e gravados representativos e emblemáticos do legado de Maruxa Seoane á Fundación Luis Seoane.
  • Proxección dixitalizada de pezas de Luis Seoane que a súa viuva doou á Real Academia Galega e ao Museo de Belas Artes.
  • Material pouco coñecido ou inédito relacionado con Maruxa Seoane, como cartas, libros e outros documentos.
  • Máis de 200 fotografías de Maruxa e persoas da súa contorna, recollidos nun libro-obxecto creado para a ocasión para consulta do público.
  • Recreación da vivenda de Maruxa, con exposición das pinturas, gravados, debuxos e fotografías dos que se rodeou, moitos deles do propio Luis Seoane, pero tamén doutros autores como Laxeiro, Díaz Pardo, Jef Diederen, Hans Hamngren ou Mújica Lainez.
  • En relación co punto anterior, e formando unha gran instalación con esas pezas, amosaráse un audiovisual doméstico con imaxes da casa de Seoane realizado por Francisco Morón, marido da súa sobriña Teresa, feito ao poco tempo de falecer Maruxa, nas que se pode ver o estudo do artista no seu estado orixinal.
  • Cartografía e contextualización histórica de mulleres destacadas no círculo de amizades da parella, cun dispositivo específico para posibilitar a interacción do público.
  • Fotografías que recoñecidos fotógrafos galegos realizaron de Maruxa nos últimos anos da súa vida.
  • Poemas dedicados por Xavier Seoane a Maruxa no momento do seu falecemento.
  • Bosquexos, planos e maqueta da Fundación Luis Seoane, realizados polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, autores da rehabilitación da súa sede.