Novas

Exposición “Concepción Arenal. A conciencia da razón”

Compartir

 

Exposición “Concepción Arenal. A conciencia da razón”, acto central do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal:
Datas: do 24 de setembro ao 7 de novembro de 2020
Lugar: Colexio de Fonseca
Horario: de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas

Mostra libraria e documental que pretende reflectir non só a vida e a obra de Arenal, senón tamén o ambiente histórico no que viviu e o legado que deixou o seu pensamento. Nela exhíbense obxectos de interese histórico que enmarcan o contexto social e cultural, así como retratos e gravados que mostran a algúns dos personaxes máis importantes da época que tiveron unha relación máis directa con ela, como é o caso de Juana de Vega, Fernando de Castro, Giner de los Ríos ou Gumersindo de Azcárate. Tamén se inclúen unhas cartas inéditas de Concepción Arenal, recentemente atopadas na Fundación Lázaro Galdiano, e que agora se exhiben por primeira vez.

A exposición organízase en sete bloques temáticos. No primeiro deles, recóllese a biografía da autora ferrolá e destacan os documentos notariais do Arquivo do Reino de Galicia que dan conta da existencia dunha irmá, nada anos despois de que a súa nai quedara viúva e da que non se coñecen referencias previas en ningunha das biografías ou recensións sobre Concepción Arenal publicadas ata o de agora. O apartado dous dedícase a unha faceta pouco coñecida de Arenal por corresponder, na súa maior parte, á súa etapa de mocidade e esfera máis íntima. Os bloques tres e catro deixan constancia de dous aspectos notorios da ferrolá: a súa condición de penalista, criminalista e penitenciarista e a súa condición de defensora dos máis desfavorecidos, preocupada polas cuestións sociais máis candentes do seu tempo. O apartado cinco destínase a reivindicar a figura de Concepción Arenal como precursora do movemento pola dignificación da muller e da loita polos seus dereitos, cuestións ás que tamén dedicou moitas das súas obras. Precisamente na liña reivindicativa do papel desempeñado polas mulleres a finais do Século XIX en España sitúase o bloque 6, destinado a resaltar o mérito de catro das mulleres máis relevantes nese momento histórico: Rosalía de Castro, Juana de Vega, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Finalmente, o apartado sete destínase a dar conta do legado que deixou Concepción Arenal ás xeracións futuras e que se plasma nas numerosas homenaxes, estatuas, referencias e centros de todo tipo que levan o seu nome. Mención especial ten a repercusión da súa vida e a súa obra en América Latina.