Novas

Corentena literaria

Compartir

A coordinadora do Club de lectura do Ateneo de Santiago recoméndanos unha listaxe de corenta obras literarias de diferentes xéneros, estilos e nacionalidades para axudarnos a pasar esta corentena.





Narrativa





  1. Trilogía de Mozambique (2018), Mía Couto. Autor recoñecido no mundo lusófono, merecedor do Premio Camões, que desbota neste relato sobre a historia colonial de Mozambique, un discurso único sobre o pasado, reducionista, concibido por unha elite.
  2. Mañana tendremos otros nombres (2019), Patricio Prom. Prosa analítica, cargada de ironía, sobre as relacións persoais que reflicten os modelos de conducta propios da sociedade actual. Premio Alfaguara de Novela 2019.
  3. El hombre que amaba a los perros (2009), Leonardo Padura. Alicerzada sobre tres planos temáticos con cadansúa voz narrativa, o escritor cubano debuxa, cun estilo rico e preciso, os preparativos e o asasinato en México de Liev Trotski polo español Ramón Mercader.
  4. La herencia de Eszter (1939), Sándor Márai. Prolífico escritor húngaro que describe maxistralmente nesta obra como o propio carácter acaba determinando o noso propio destino.
  5. La fiesta del oso (2009), Jordi Soler. Cun estilo coidado, debulla devagar o destino dos exiliados cataláns que fuxiron cara Francia a través dos Pirineos, por mor da guerra civil española. A pesar do ton melancólico, Soler non perde nestas páxinas o sentido do humor.
  6. Mi año de descanso y relajación (2018), Ottessa Moshfegh. Moshfegh é unha das escritoras estadounidenses máis prometedoras. Nesta obra destaca a protagonista, construída con habelencia, unha muller nova sen outra pretensión que ficar na cama.
  7. O longo adeus (1953), Raymond Chandler. Novela negra canónica protagonizada polo detective Philip Marlowe. Cómpre subliñar o preciso retrato social das clases altas norteamericanas e a ironía dos diálogos.
  8. 2666 (2004), Roberto Bolaño. Obra imprescindíbel da literatura contemporánea en lingua castelá.
  9. La Habana para un infante difunto (1979), Guillermo Cabrera Infante. Prosa exuberante, retrato amábel da infancia e adolescencia do propio autor.
  10. Stoner, John Williams. Novela escrita en 1965 e ignorada durante décadas, foi a editorial tinerfeña Baile del Sol quen a sacou do esquecemento para o público español, o resto fíxoo Rofrigo Fresán desde as páxinas do ABC Cultural: "Stoner, es una obra maestra. Y punto."
  11. Actos humanos (2018), Han Kang. Galardoada co Booker Prize International por La vegetariana, en Actos humanos continúa explorando a crueldade humana a través da voz de sete personaxes, a raíz dunha protesta na Universidade de Chonnam, reprimida violentamente polo réxime de Chun Doo-hwan.
  12. La puerta (1987), Magda Szabó. Relato intenso, de corte autobiográfico, dunha das autoras húngaras máis prolíficas, apenas traducida ao español.
  13. Carter (1970), Ted Lewis. Considerada unha obra fundacional da novela criminal británica moderna, hoxe é unha película de culto dirixida por Mike Hodges e protagonizada por Michael Caine.
  14. La señora Dalloway (1925), Virginia Woolf. Novela introspectiva, na que aprema o latexo da vida a través da señora Dalloway, e o pulo da morte a través de Septimus.
  15. Limonov (2011), Emmanuel Carrère. Ao longo das súas páxinas Carrère contrúe o retrato do controvertido escritor e político ruso Eduard Limónov, finado recentemente. Foille outorgado o Premio Renaudot 2011 e o Prix des Prix 2011, entre outros.
  16. La primavera romana de la señora Stone (1950), Tennessee Williams. Malia ser coñecido pola súa obra dramática, nesta novela Williams describe con nitidez o momento no que unha muller madura de avoengo se descobre espida de beleza.
  17. La noche de los tiempos (2009), Antonio Muñoz Molina. Novela colosal, ambientada na República española, segundo a crítica literaria é a grande obra mestra do autor.
  18. Americanah (2013), Chimamanda Ngozi Adichie. Terceira novela desta premiada escritora nixeriana, na que atinxe a cuestión identitaria e o racismo dende a ollada de diferentes personaxes.




Narrativa galega





  1. Circe ou o pracer do azul (2013), Begoña Caamaño. Cunha prosa exquisita, a xornalista picheleira dota de voz propia a Penélope e Circe, figuras femininas da mitoloxía clásica, para seren elas as protagonistas do seu propio relato.
  2. Seique (2015), Susana Sánchez Aríns. Primeira obra narrativa da poeta Sánchez Aríns, que procura a reconstrución da súa propia historia familiar a través da memoria dalgúns membros da súa familia. É unha obra singular polo seu estilo, de gran lirismo, e o peculiar xeito de bosquexar o retrato do tío Manuel, un dos principais represores da posguerra nas Rías Baixas.
  3. Casa Skylab, Santiago Jaureguizar. O xurado que lle outorgou o Xerais 2003 subliñou a modernidade conceptual, e a estrutura singular e polifónica da obra. Con certeza, destaca a súa trama criminal inzada de humor e retranca.
  4. Scórpio (1987), Ricardo Carvalho-Calero. Figura senlleira da cultura e literatura galega, e próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020. Esta é a súa obra máis coñecida, de carácter autobiográfico, e escrita en galego reintegrado.
  5. A crueldade de abril (2018), Diego Ameixeiras. Autor sobresaínte de novela negra no panorama nacional, xa que logo as súas obras, publicadas orixinalmente en galego, están a ser traducidas ao castelán. Esta obra foi publicada á vez en galego e castelán.
  6. No ventre do silencio (1999), Xosé Luís Méndez Ferrín. Ambientada na cidade compostelá dos anos 1950, relata, con prosa exuberante, as vivencias e a resistencia da xuventude universitaria, a través da memoria dunha estudante.
  7. Herba moura (2005), Teresa Moure. Moure válese de poemas, receitarios e epístolas para tecer a historia de dúas mulleres do século XVII, Hélène Jans (personaxe ficticia) e Cristina de Suecia, unidas polo filósofo René Descartes. Unha obra que reivindica os “pequenos saberes invisíbeis” e a conquista do espazo persoal propio.
  8. O porco de pé (1928), Vicente Risco. Novela satírica, unha das máis emblemáticas da literatura galega. Como di Borges en El libro de arena (1975) “lo importante no es leer, sino releer”.
  9. Os libros arden mal (2006), Manuel Rivas. Con esta obra acadou o Premio da Crítica española e o Premio da Crítica de Galicia. Alén disto, Rivas traza a través de diferentes personaxes un mapa cartográfico e vivencial da Coruña ao longo dun século, a partir da queima de libros do 18 de xullo de 1936.
  10. Diario dun enterro, Gonzalo Hermo. Primeira novela do escritor rianxeiro, despois de ter recibido o Premio da Crítica 2014 polo poemario Celebración.




Relato





  1. Cuentos completos (Páginas de Espuma, 2015), Marcel Schwob. Escolma de toda a obra de ficción escrita por Schwob en apenas cinco anos (entre 1891 e 1896), editada e traducida por Mauro Armiño.
  2. Cuentos completos. Mapa de las lenguas (Random House, 2019), Mario Levrero. Selección dos contos escritos polo escritor uruguaio entre 1970 e 2003.
  3. El santo del monte Koya y otros relatos (2014), Kyoka Izuma.
  4. Mil cretinos (2007), Quim Monzó.
  5. Bichos (1940), Miguel Torga.
  6. El chal, Cynthia Ozick. Publicado por Lumen en 2016, son dous os relatos escolmados nesta exquisita edición ilustrada.




Poesía





  1. Tempo fósil (2018), Pilar Pallarés.
  2. O deserto (2015), María do Cebreiro.
  3. O que precede a caída é branco (2015), Oriana Méndez.
  4. Se aceptan flores, cheques y mentiras (2018), Luis Alberto de Cuenca.




Teatro





  1. La geometría del trigo (2019), Alberto Conejero.
  2. Voaxa e Carmín (2016), Esther F. Carrodeguas.