Novas

Visita polo patrimonio escultórico contemporáneo de Compostela

Compartir
Proposta para gozar da arte da cidade e volver descubrir algúns tesouros que, por veces, deixamos pasar desapercibidos. Agora que temos menos restricións espaciais, propomos aproveitar o tempo de paseo para visitar o patrimonio escultórico aberto de Compostela.

Ver o roteiro en Google Maps
Ver o roteiro en Google Earth

1. Belvís


IMPULSO NECESARIO | ITÍNERE | A MAN
Óscar Aldonza (Coord), 2015
A pegada industrial do lugar que hoxe ocupa o parque de Belvís, vese representada en tres pezas que son froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. Tres obras en ferro coordinadas por Óscar Aldonza e desenvolvidas por integrantes da Escola, que dan conta da historia de traballo e esforzo deste lugar noutrora habitado por curtidoiros.
A obra Itínere de Lucía Perdiz, está situada na ladeira que sube cara o Seminario Menor; a escultura Impulso necesario de Eva Fernández, emprázase no centro do labirinto de camelias;  e A man de Juan Pablo Venditti fica moi próxima ao que fora o Curtidoiro das Trompas, hoxe Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Compostela.

2. Parque de Santo Domingos de Bonaval


SEN TÍTULO
Moncho Amigo, 1991
Con materiais de tipo industrial, refugallos de ferro e outros elementos que puideran parecer fríos e distantes, o escultor coruñés Moncho Amigo consegue compor obras dunha grande harmonía que se integran coa contorna natural de forma orgánica.
Así acontece con esta escultura intitulada, elaborada a partir dunha base de formigón e de parafusos oxidados, que nos dá a benvida ao Parque de Bonaval.

PORTA DE MÚSICA
Eduardo Chillida, 1994
Chillida propúxose enmarcar a Catedral de Santiago nunha perspectiva que simboliza a porta de entrada ao Camiño. O título da peza fai referencia a unha obra de San Agustín, De Música, un tratado filosófico arredor da proporción que tivo unha enorme influencia na traxectoria do autor éuscaro.
Na que é a súa única peza en Galicia, Chillida volve xogar como baleiro como cerne conceptual e ofrécenos unha experiencia sensorial para non perder.

3. Avenida do Burgo das Nacións


HOMENAXE A VALLE INCLÁN
José Díaz Fuentes, 1978
Non hai escultura en Compostela que condense mellor o esperpento valleinclanesco que este monólito do sarriao José Díaz Fuentes. Na súa homenaxe ao literato, o escultor capta con mestría a visión grotesca e deformadora da súa obra e plásmaa nunha peza que muda de forma segundo a posición dende a que ollemos, segundo a hora do día ou o paso do tempo. Por veces, as máscaras pétreas parécennos rir, chorar, ou berrar, ou todo ao mesmo tempo.

A PASIONARIA
Camilo Otero, 1978
Este tributo a Dolores Ibárruri realizado en bronce, e de evidente influencia cubista, é un agasallo do escultor e pintor compostelán Camilo Otero á súa cidade natal.
A peza, situada na entrada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, representa unha sorte de símbolos matemáticos e amosa claramente o estilo da escola do francés René Collamarini, na que o autor se formou durante anos e onde coincidiu con Picasso e Giacometti.

4 . Parque da Música


DOLMEN NOVO MILENIO
Silverio Rivas, 1999
Entre as intervencións culturais promovidas para celebrar a elección de Compostela como Capital Europea da Cultura no ano 2000, está a instalación desta peza de Silverio Rivas que simboliza a entrada nun novo milenio.
Destacado autor da abstracción escultórica galega e integrante do movemento Atlántica, Rivas conxenia neste dolmen a liña estética e discursiva que bebe da arte rupestre e a construción megalítica da cultura atlántica.

RETRATO PÓSTUMO DE ASURBANIPAL
Eugenio Granell, 1993
O parque da Música abeira tamén mostra do xenio surrealista de Eugenio Granell, pintor escultor, cineasta e multifacetado artista que pasou gran parte da súa infancia en Santiago de Compostela.
Esta peza colorida e vitalista, erguida cara o ceo, recolle as liñas mestras do creador e denota tamén a pegada que nel deixaron outros artistas como Pablo Picasso, Marcel Duchamp, Man Ray ou Frida Khalo.

5. Parque da Alameda


AS MARÍAS
César Lombera, 1994
As irmás Coralia e Maruxa Fandiño Ricart ocultaban tras as cores rechamantes dos seus vestidos e os exaxerados afeites unha vida de represión, humillación e torturas ás que elas e o seus foron sometidas por parte do réxime franquista.
A estatua de Cesar Lombera que abre o paseo da Alameda é unha das iconas inconfundibles de Compostela e unha das máis queridas pola cidadanía que nunca esquecerá ás Marías.

HOMENAXE A CASTELAO
Francisco Leiro, 1995
Realizada en granito negro, esta escultura posúe a rudeza e a emoción propias do estilo característico de Leiro. Nela, podemos apreciar unha silueta humana socavada coa que o artista cambadés quixo plasmar a pegada indeleble que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao deixou para sempre en Galicia.
Co corpo humano como protagonista, esta peza  fondamente sensorial e de grande carga poética agarda na carballeira de Santa Susana.

6. Campus Vida


VAE VICTIS. 1936...
Acisclo Manzano, 2007
Entre 1936 e 1942, corenta e catro docentes universitarios e cinco administrativos foron expulsados das universidades galegas por razóns ideolóxicas. A purga promovida pola ditadura franquista levou por diante numerosas carreiras e proxectos, condenándoos á indiferenza ou ao exilio. Esta peza de Acisclo Manzano réndelles homenaxe dende a praza Rodríguez Cadarso, quen fora reitor na II República.
O conxunto escultórico, realizado en ferro, emula un remuíño de vento que esparexe no ar os devezos e pensamentos de todas aquelas persoas expulsadas. O escultor proxecta unha espiral composta de pranchas metálicas de diferentes alturas con perforacións esgazadas que representan anxos e deuses protectores da sapiencia que foxen voando do lugar. O escultor ourensán, con Fidias e o Mestre Mateo como referentes fulcrais, modela de forma sincrética a idea no espazo coma testemuña necesaria da Memoria Histórica.

7. Parque Eugenio Granell


RÍOS DE FERRO - A GRAN ONDA
Creación colectiva, 2017
Froito do encontro de forxa que tivo lugar na praza da Quintana en xuño de 2017, esta peza de creación colectiva dá conta da fluidez do metal forxado con mestría. Nela participaron máis de corenta artesás e artesáns alén do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño que traballaron a partir dun deseño do escultor e profesor Óscar Aldonza e baixo a supervisión de Miguel Xirau e Santiago Martínez. Hoxe ondea aos pés do Sar.

ESCULTURA DE JOSÉ MARTÍ
José Delarra, 1995
Realizada en bronce polo escultor José Delarra, esta escultura está adicada a José Julián Marti Pérez, destacado escritor modernista das letras hispanoamericanas e figura política fundamental da independencia cubana.
O emprazamento orixinal da peza era a avenida de Santiago de Cuba, de onde foi substraída anos atrás. Tras a súa recuperación e restauración pasou a ocupar un lugar central no parque de Eugenio Granell.