Novas

O Ateneo de Santiago reúnese coa USC

Compartir





O Ateneo de Santiago reuniuse no Colexio San Xerome co reitor da USC, Antonio López, ademais do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e da concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Na reunión buscouse perfilar as accións conxuntas para reivindicar a figura de Concepción Arenal.





As actividades propostas foron unha exposición no Colexio de Fonseca durante o mes de setembro baixo o título «Concepción Arenal. A conciencia da razón», a celebración dun congreso internacional en outubro, no que diferentes especialistas abordarán a figura da autora ferrolá, unha serie de concertos coa obra de compositores do Rexurdimento e obras do violinista Jesús de Monasterio e Andrés Gaos.





O Ateneo, xunto coa USC, levará a cabo unha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos para entender o pensamento feminista de Conepción Arenal. A edición destes textos por parte do Ateneo levarán unha introdución da profesora Carmen Blanco, da Facultade de Humanidades.





Por outra banda, tamén se levará a cabo a iniciativa proposta polo Ateneo ao Concello de trasladar o busto de Concepción Arenal. O acto terá lugar o día 31 de xaneiro, data do aniversario do seu nacemento, ás 12.30h na parte traseira do Pazo de Raxoi, lugar a onde será trasladada a estatua da autora.





O Ateneo organizou tamén a proxección da película Concepción Arenal, la visitadora de cárceres, que terá lugar o día 29 de xaneiro ás 19h, na Rúa do Vilar, 19. Despois da proxección do filme, haberá un coloquio coa súa produtora, Zaza Ceballos.