Novas

O Ateneo de Santiago reitera a denuncia da desaparición da placa que sinalaba a casa natal do Mestre Chané

Dende a Xunta Directiva solicítase a instalación dunha nova placa en homenaxe ao compostelán

Dita placa foi presumiblemente roubada ou destruída hai catro anos

Compartir

 

Ateneo de Santiago vén de presentar un escrito dirixido ao Alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, reiterando a denuncia da desaparición da placa de estilo modernista que sinalaba na Ruela de Pitelos a casa natal do ilustre músico compostelán José Castro González (Chané).

A placa, de gran valor artístico, realizada polo escultor Santiago Bonome e sufragada polos composteláns, foi roubada ou destruída hai 4 anos, coincidindo coas obras de encalado da fachada e tapiado das portas da edificación.

A mesma semana desta desaparición o Ateneo informou do sucedido ao Concello pero nunca obtivo unha resposta satisfactoria de cara á reposición da placa, que fora inaugurada en 1923 e estaba realizada en mármores de tres cores. Nela podía lerse: “Adicación e Gabanza da Cidade de Compostela ao Mestre Chané. Naceu nesta casa o 18 de xaneiro de 1856”.

Así as cousas, dende a Xunta Directiva do Ateneo de Santiago reitérase a petición ao Concello de homenaxear a este compostelán universal mediante a realización e instalación dunha nova placa  no seu lugar de nacemento que poña fin ao agravio producido e, de ser posible, a dedicación dunha rúa co seu nome, como xa foi feito noutras cidades galegas como A Coruña e Carballo, entre outras.

Foto da placa, tomada en 2017